TOTAL NÓS XA ESTAMOS MORTAS
Obra realizada para o VII Festival Plataforma (Santiago de Compostela), realizada no parque de Bonabal
Total nós xa estamos mortas parte da investigación sobre a vida de Trinidad Falcés (Trini), muller trans galega represaliada durante o franquismo e pioneira das loitas polos dereitos LGBTIQA+ no Estado español. A súa historia funciona como punto de partida para reflexionar sobre a continuidade das violencias que atravesan os corpos trans, establecendo un vínculo entre a súa experiencia e a de tantas persoas que as sufriron e continúan a sufrilas hoxe.
A peza constrúese como un rito de memoria e resistencia, recuperando a figura do exvoto como forma popular de agradecemento, petición e reparación. Unha figura de cera que representa a Trini convértese no centro deste ritual, facendo do corpo un lugar onde se inscriben tanto a memoria dunha vida concreta como as violencias que continúan afectando ás nosas.
A través deste dispositivo, a obra pregúntase que acontece coas vidas que quedan fóra dos relatos oficiais e que mecanismos permiten que determinadas memorias sexan esquecidas. Recuperar a figura de Trini non busca reconstruír o seu pasado nin convertela nunha icona inmóbil, senón activar a súa memoria desde o presente e poñela en relación con outras experiencias de violencia, resistencia e supervivencia.
A memoria aparece así como un territorio en disputa: un espazo no que se entrecruzan o recordo e o esquecemento, a reparación e a institucionalización, a homenaxe e a responsabilidade. A peza cuestiona a facilidade coa que determinadas loitas son recoñecidas unha vez que as persoas que as protagonizaron xa non están, mentres as estruturas que produciron a súa exclusión continúan operando.
Desde esta perspectiva, Total nós xa estamos mortas propón entender a memoria non como un exercicio de contemplación do pasado, senón como unha ferramenta para interpelar o presente. Lembrar a Trini implica tamén preguntarnos que estamos facendo hoxe fronte ás violencias que ela sufriu e que continúan reproducíndose sobre outros corpos. O rito convértese así nun espazo colectivo de lembranza, pero tamén nunha chamada á responsabilidade.
Agradecer especialmente aes amigues, artistas admirades e compañeires neste camiño travesti por colaborar doando obxectos persoais para esta peza. Grazas Petra Iglesias, La Bambia, Bruno, Fela, Greta Debelius, Trini,Alexa e Rosalía.
Fotografías de Carmen Verdú / Festival Plataforma 2026