Sergio Marey
(Pol, 1997)
directore da galería Solaina
Foto realizada por Alberto Ovejero
A práctica artística de Sergio Marey investiga as relacións entre memoria, territorio, identidade e disidencia a partir dunha perspectiva profundamente ligada ao contexto rural galego. O seu traballo nace do interese polas formas de transmisión da memoria popular, polas espiritualidades periféricas e polos procesos de silenciamento que atravesan corpos, comunidades e historias minorizadas.
A través da instalación, da performance, do son, da escultura e da creación téxtil, Marey constrúe dispositivos onde o íntimo e o colectivo se cruzan, activando espazos de encontro entre tradición popular e experiencias contemporáneas de vulnerabilidade, resistencia e pertenza. O tecido, o arquivo, o ritual e o obxecto atopado aparecen frecuentemente na súa práctica como superficies de memoria e ferramentas de reparación simbólica.
A súa investigación céntrase especialmente nas relacións entre cultura popular, identidade queer e territorio, entendendo a memoria como un espazo político activo capaz de cuestionar narrativas hexemónicas e de recuperar presenzas historicamente invisibilizadas. A partir desa perspectiva, o seu traballo propón novas lecturas sobre comunidade, coidado e transmisión cultural, explorando as tensións entre perda, supervivencia e transformación.
A práctica de Marey móvese entre o xesto ritual, a fraxilidade e a construción de vínculos afectivos, concibindo a arte como un lugar onde imaxinar outras formas de convivencia e resistencia colectiva.
TRAXECTORIA
Sergio Marey (Pol, Lugo, 1997) é artista multidisciplinar, curadore, xestore cultural e artesán cunha traxectoria atravesada pola creación contemporánea, a cultura popular galega e o compromiso co territorio rural. Formade entre A Coruña e Madrid en disciplinas vinculadas ao deseño de moda, o deseño 3D e a creación téxtil, desenvolveu ao longo dos últimos anos unha práctica artística ampla e diversa, na que conflúen a escultura, a instalación, a performance, a acción artística, o audiovisual e o traballo co téxtil e coa oralidade.
A súa carreira consolidouse especialmente a partir dunha intensa actividade expositiva en Galiza e fóra dela, participando en proxectos e mostras en espazos como a Fundació Joan Miró, o Museo Reina Sofía, a Fundación Eugenio Granell, o CGAC, o Museo Gaias, o Museo do Pobo Galego ou os Encontros da Imagem (Braga, Portugal). Entre as súas exposicións individuais destacan proxectos como Deus te livre (Fundación Casa da Galería) ou Arrieire no camiño, arrieire no lugare, se che arrieire morre, que camiño has de levare (Fundación Eugenio Granell), mentres que a súa presenza en exposicións colectivas e programas institucionais foi constante desde 2020.
En 2023 recibiu o Primeiro Premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveles grazas á obra Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, consolidando unha liña de traballo recoñecida tamén con seleccións e premios como o Premio Isaac Díaz Pardo ou diversas participacións en festivais e certames audiovisuais. Paralelamente, desenvolveu residencias artísticas en espazos como Azala (Euskadi), Residencias Paraíso, a Cidade da Cultura de Galicia ou a Fundación Eugenio Granell, fortalecendo unha práctica de investigación vinculada ao contexto, á memoria e ás formas de vida comunitaria.
Alén da súa produción artística, Marey mantén unha actividade continuada como dinamizadore cultural. É directore da galería Solaina en Lugo, desde onde impulsou e comisariou numerosas exposicións de artistas emerxentes e proxectos vinculados á creación contemporánea galega. Tamén é coorganizadore da Feira de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia e promove iniciativas culturais no rural como Ao Caranho!, ademais de participar en feiras de arte contemporánea como Hybrid Art Fair, MMMadArt ou Culturgal.
Como escritore, Sergio Marey desenvolve unha práctica vinculada á poesía, á escrita híbrida e á edición independente, explorando linguaxes que dialogan coa memoria, o afecto, o corpo e a identidade desde unha perspectiva profundamente atravesada pola oralidade e pola cultura popular galega. É autore do poemario Escordadura Sentimental e de publicacións autoeditadas como o fanzine Píntame unha paliza, ademais de participar en diferentes proxectos editoriais colectivos e publicacións institucionais. A súa escrita expándese tamén cara ao ensaio e á reflexión cultural, sendo escritore e coordinadore do libro Rural e tradición, un fogar en igualdade así como cara a biografía, sendo autore tamén da biografía da activista trans, puta e artista coruñesa Trinidad Falcés. Ademais colabora en investigacións e textos arredor da diversidade, a cultura galega e as políticas culturais contemporáneas, entre elas publicacións impulsadas polo Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña ou o Ministerio de Igualdade do Estado Español
A súa práctica esténdese tamén ao ámbito performativo e musical, formando parte do grupo Leña Verde como mestri de canto e pandeireta, así como colaborando en proxectos escénicos, audiovisuais e de deseño de vestiario para artistas, compañías e festivais. Nos últimos anos participou ademais en conferencias, encontros e programas arredor da cultura, a diversidade e o rural, colaborando con institucións como o Consello da Cultura Galega, a Universidade da Coruña, Vigo ou Santiago de Compostela así como entidades sociais e culturais de todo o país.